NA MEMORIA DO CAMARADA BENITO MORAIS MARTÍNEZ.



O día 13 de xaneiro deste ano de 2017 faleceu Benito Morais, de Tui, un camarada importante na vida do activo militante do PCPG, do que foi imprescindíbel para a súa fundación e desenvolvemento desde 1983 e dirixente en algúns momentos. 

Benito Morais Martínez, naceu en Camposancos - A Guarda e tinha 94 anos.

Desde aquí expresamos a nosa condolencia a todos os seus seres queridos, en especial ás súas filhas e filhos.

Deixamos dúas resenhas sobre el e a súa posición militante, realizadas polos camaradas Ernesto Cañedo Sainz e Xosé Collazo Castro


BENITO MORAIS MARTINEZ
[Ernesto Cañedo Sainz]

Cando coñecín a Benito eu apenas sabía o que era traballar por un mundo mais xusto, e menos o que era o socialismo nin o comunismo. E non tan só pola miña xuventude senon tamén por que non imaxinaba nin de lonxe o que estes camaradas pasaron.
O do fascismos.., o do franquismo... un non chegaba a comprender como as miserias humanas poden chegar a tales extremos. Nin comprendía daquela como unha persoa podía pasar toda unha vida loitando por unha causa.
Pero coñecer a Benito Morais e escoitalo, compartir momentos da vida, foi todo unha honra.
Comprendín como se entregaba no seu traballo, como delineante, como creador, como mestre de obra. Facíao coa mesma entrega como na loita dos dereitos das persoas.
Moitas veces comentábame que tiña que realizar obras para os fascistas, pero como el dicía, consolábao pensar que obriga de ter que facer cousas, compensábase por que cando os obreiros sexamos donos da terra mereceremos herdar esas cousas boas.
Benito Morais Martinez, naceu alá polo ano 1923 na fermosa vila mariñeira de Camposancos, da Guarda, lugar de represión franquista, igual que Tui cidade onde viviu os seus derradeiros anos.
O camiñar nos recordos doíalle especialmente, aínda que consideraba que un pobo está na obriga de recordar a súa historia.
Realmente un pode pensar que esta xente, que estes camaradas.., pasar polo que eles pasaron, sufrir todo tipo de humillacións, torturas, cadeas..., coñecer a execución dos seus camaradas... teñen que estar forxados doutra maneira ca nosa, con outro coiro, e así demostroumo.
A guerra sorprendeuno con 13 ou 14 anos en Madrid, internado nun colexio de curas. O seu compromiso e a súa fuxida custoulle, despois de que o apresaran os falanxistas dándolle paus a eito. Condenárono a 7 brutais anos de cadea. Non foi a súa primeira prisión, andando o tempo (20 anos despois) foi novamente encarcerado.
A súa formación política forxase nos cárceres nas que estivo, onde escoita falar do Manifesto, e de Lenin.. e aprende que é o socialismo que é o comunismo dende Madrid, pasando por Palos da Fronteira, Burgos.., coincide que o xefe da prisión era da súa terra o que lle sirve para que lle conceda ir ao centro de estudos onde os presos políticos imparten clases aos mozos. Benito dicía que había un grao de cultura moi alto. A camaradería e a unidade que tiñan nos cárceres permitíalles dalgunha maneira manterse vivos.
Lembrábame Benito, cun sorriso, que cando decidiron facer folga de fame en protesta para reivindicar melloras carcerarias, poñíanlle de comer potaxe de garavanzos, e cando metían o cullerón para servir soamente saía auga, nin un só garavanzo, “e nós, atreviámonos a facer folga de fame!”.
Sabes?, dicíame, “duroume moitos anos a fame psicolóxica.., era coma se nunca estivese satisfeito”.
Obrigáronlle a facer o servizo militar nun batallón disciplinario.., “que contar de todo isto?”, dicíame, cun rostro que expresaba claramente o que tivo que pasar.
Desenvolveu a súa militancia comunista no PCE e PCG, ata o seu ingreso na reorganización de militantes comunistas no ano 1983 que, no ano 1984 ergueron o PC (“pcpunto”), convertido ao pouco tempo até hoxe no Partido Comunista do Povo Galego.
Asociado ao sindicato CNT, con moita forza no baixo Miño de entón e despois a CCOO.
Como persoa loitadora sempre tivo militancia, desde a clandestinidade, e unha actividade importante nos movementos sociais, montando as primeiras asociacións de veciños nas que foi presidente. Corresponsal dalgún que outro diario, facendo escritos e artigos durante moitos anos.
Realmente a loita de Benito Morais, así como a de moitos camaradas que compartiron loitas e penurias, pode encher páxinas enteiras. Podería escribir moito sobre o que el me contou nos paseos matinais que dabamos nos domingos.
Pero eu quero destacar, co permiso do camarada ausente, que me aprendeu a dicir o que pensaba.. é humano e senta ben. E tamén a condición humana que este camarada sempre tivo ao longo da súa vida, que non sempre lle puxo o seu mellor sorriso, pero aínda así soubo manterse, loitar e compartir. Hai que ter amor e beleza de principios no que se fai e no que se cre, forxalo como el o fixo.

Grazas polo teu exemplo.  [Ernesto Cañedo Sainz]


BENITO MORAIS MARTÍNEZ, DE QUEN TIVEN O PRACER DE APRENDER
[Xosé Collazo Castro]

Coido que foi a mediados de 1982 cando conhecín a Benito Morais. Eu chegara a Tui en 1981, para incorporarme ao daquela Instituto de FP, no meu segundo ano de trabalho no ensino.
Corrían tempos de reorganización de imprescindíbeis ferramentas transformadoras e de mobilización pola paz anti-imperialista e a solidariedade entre os povos. Por todo o noso país se construían plataformas anti-OTAN, nun momento no que muitos víamos claro que as promesas e compromisos electorais do PSOE non se ían cumplir e a fraude monstruosa do felipismo quería máis ben converternos nunha nova colonia da “guerra das galaxias” de Reagan.
A socialdemocracia hexemónica ia facer moi ben o seu papel, asignado desde Washington, na segunda etapa da instalación da monarquía juancarlista imposta por Franco, agora que o proxecto “centrista” dos sectores seica aperturistas do rexime perdían forza e lexitimidade ante as loitas do povo.. Pouco antes una parodia teatralizada de “golpe de estado”, comandada na sombra polo Borbón herdeiro do tirano felón puxo freo, e medo, a certas “veleidades” das varias socialdemocracias espanholas, coa intención evidente de encorsetar o proceso que se adivinaba despois das eleccións xerais de 1981.
No medio daquel panorama, colectivos de xentes honestas golpeadas polo sistema e tamén polos aparelhos dunha esquerda compracente e sedicente procurabamos saídas daquel marasmo, cada vez máis colectivamente, para acadar alternativas de reorganización. Alternativas necesarias contra os que traicionaran una loita heroica de 40 anos e funcionaban polos carreiros do oportunismo “eurocomunista” comandado polos Carrillos, “Gerardíns”, Gelucos & Co, etc.
Nese ambiente, luitadores que non estaban dispostos a transacionar nin transixir con esas pedras de muinho, comenzaron a reunirse para recuperar o que nos roubaran. Distintos colectivos e persoas criabamos comités e mesas de unidade e recuperación comunista, á par que pulabamos a luita entre os trabalhadores e trabalhadoras ou erguíamos Comités anti-OTAN, ou axudabamos a criar o alicerce do que despois sería a Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil”, etc..
Foi aí onde, por convite do histórico Paco Comesaña, tomei contacto na súa casa con unha agrupación de comunistas do PCG, daquela comandada por Benito Morais Martínez, Ramón Fariña e o xa referido doutor Francisco Comesaña Rendo, entre outros. Na primeira reunión, observei enorme simpatía polas novas que eu lhes levaba por medio da propaganda que nos comités e mesas de unidade elaboramos e que, en esencia, se pronunciaba contra a liquidación eurocomunista e carrillista, pola recuperación dun partido de clase marxista-leninista, a amizade coa Unión Soviética e o Internacionalismo Proletario. 
Coido que foi Benito Morais o que máis expresivamente se identificou coa exposición, cando emocionadamente dixo máis ou menos: “*Tau!, iso é o que estaba agardando hai tempo, eu renego de Carrillo, son marxista-leninista e revolucionario prosoviético”.
Durante uns poucos meses seguímonos reunindo co obxectivo de erguer unha célula ben armada en Tui ao servizo dunha causa xeral cuxa bandeira erguían ducias de persoas comunistas na Galiza, en paralelo coa luita anti-OTAN e coas as luitas dos trabalhadores da comarca de Vigo e, lembro porque foi significativo, o nacemento da Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil”, na que tres persoas de Tui fomos activos nos seus comenzos, especialmente o doutor Comesaña (membro da súa primeira directiva fundacional), a quen eu levaba e traía durante meses (coa companheira “Perla”) ás reunións fundacionais que se facían en Vigo.
A mediados e finais do ano 1983, o noso proceso de reagrupamento comunista ampliouse algo e tomou forma definitiva, comezando a dotarse dunha certa estrutura “de mando”. Por primeira vez despois do verán daquel ano foi convocada unha unha asemblea ampla no hotel México de Vigo, na que poderían participar camaradas de toda a provincia. A min encomendáranme  servir de “intermediario” na zona de Tui e Baixo Minho. Lembro que chamei telefónicamente a algúns camaradas e especialmente a Benito para convidalo a esa asemblea do hotel México e perguntoume: 
“Cantos somos?”. Eu respondinlhe: “Benito, non sei exactamente, coido que seremos poucos: “Uns 28 ou 29..”. Respondeume: “Está ben, comigo seremos 30”..
Esa asemblea (onde asistiu unha pequena parte do activo que despois serían reunións máis numerosas, con xentes procedentes e desvinculadas do PCG, PC (r), MCG, UPG, PTG, EG, Irmandade Galega, PCU, LCR e outros) causoulle unha profunda e agradábel impresión e alí mesmo foi designado, comigo tamén, como integrantes da nosa zona na Comisión de Unidade Comunista.
Despois, a mediados do ano 1984, tivemos que separarnos xeograficamente, por motivos do meu traslado de traballo a Vigo e Lalín e vinheron os 85, 86, etc... Congresos, asembleas e reunións periódicas da dirección “provincial” (daquela o órgao máis importante na Galiza, do que el fixo parte en distintos momentos) o ingreso de novos/as militantes, a eufória inicial dos éxitos das nosas convocatorias e actos (algúns verdadeiramente multitudinarios), o achegamento de simpatías de amplos sectores da esquerda combativa, mais tamén algúns sinsabores e tristuras e outras peripecias que non collen nun simples artigo rememorativo. Tempo teremos de falar máis disto...

-Benito Morais era así, foi sempre COMPROMETIDO ATÉ O FINAL DOS SEUS DÍAS coa causa do povo trabalhador, pola que deu canto puido.
-O camarada Benito Morais impulsou sempre a luita do povo alí onde estivo, fundamentalmente no movemento vecinhal, no que foi peza imprescindíbel.
-Tivo sempre un compromiso avanzado coas luitas da clase obreira, na CNT e en CC.OO, por un tempo, cando ese sindicato tinha posicións de loita de clase e orientación cara o socialismo..
-Estivo dúas veces no cárcere e pasou muitos anos de prisión nos peores tempos do fascismo franquista.
-Foi un excelente profesional do seu gremio, un competente mestre e xefe de obras, prestixiado e solicitado, mesmo despois de ser xubilado e un agudo e intelixente cronista e articulista en diversos medios.

O camarada Benito Morais foi, por cima de todo, un home íntegro, xeneroso..; apaixonado no combate pola transformación da sociedade, transparente, leal...e convencido de que a conquista dunha sociedade máis xusta como a que defendemos pasa pola afirmación nos principios ideolóxicos e na disciplina organizativa dun partido da clase obreira coma o que nos legaron algúns clásicos.
A súa vida foi, unha grande lección de rectitude, verdade, coerencia e saber estar. Aí queda iso!.
E agora seguirá como referente a seguir, coma outros/as camaradas que tamén nos deixaron nestes últimos 35 anos...Son dúas ducias xa aqueles que axudaron a por en pé o noso proxecto e non están fisicamente con nós, máis co seu exemplo e maxisterio estarán sempre na nosa beira até a conquista definitiva dun mundo melhor, sen desigualdade, muito máis fraterno e xusto.
Até sempre, querido mestre e camarada. *Tau por ti!!
Venceremos
-* “Tauera unha expresión que usaba con frecuencia cando afirmaba con vehemencia as súas conviccións ou estaba plenamente identificado con algo. -
[Xosé Collazo Castro]