Acto: Conferencia: “Capitalismo, crise e soberanía. Unha
visión desde Andalucía”
Día: 12 de abril Hora: 18H Lugar: Biblioteca de Marín
Organiza: PCPG (Partido
Comunista do Povo Galego)-Colectivo Nacionalista de Marín e MGS (Movemento Galego ao Socialismo)
O próximo sábado 12 de abril o Colectivo Nacionalista de
Marín, o Movemento Galego ao Socialismo e o Partido Comunista do Povo Galego
organizamos un acto público co título “Capitalismo, Crise e Soberanía. Unha
visión desde Andalucía“, que contará coa presenza de Antonio Torres, membro da
dirección nacional do Sindicato Andaluz de Trabajadores (SAT) e Secretario
Xeral de Andalucía Comunista. Será na Biblioteca municipal de Marín ás 18h.
Este acto pretende dar a coñecer, comparar e pór en común a
experiencia de dúas realidades nacionais distintas. Desde unha perspectiva
anticapitalista e soberanista, Antonio Torres falará da realidade de Andalucía
e o seu papel dentro do estado español, a situación de crise económica imposta
polo gran capital ao conxunto dos pobos do estado e a visión andaluza da
cuestión nacional.
Estamos padecendo un retroceso en dereitos e liberdades coa
escusa dunha crise económica que non provocaron os pobos. Estanse desviando
miles de millóns de euros de fondos públicos para encher os petos dos bancos.
Cartos que saen dos recortes salariais e do aumento de impostos indirectos,
como o IVE e taxas, que repercuten máis nos que menos teñen e benefician aos
que xa son ricos. Desde o estado aproveitan esta situación dándolle un pulo ao
proceso de centralización, baleirando as xa pequenas competencias das CCAA,
poñendo ao descuberto que o modelo autonómico do “café para todos” está
esgotado, o modelo do estado español está esgotado, e evidenciando que Galiza e
o resto das nacións deben avanzar no proceso de soberanía nacional para
resolver os seus problemas.
Andalucía conta hoxe cun 40% da poboación no umbral da
pobreza e hai 600.000 andaluces sen ningún tipo de cobertura social. Segundo a
Universidade de Cádiz, no seu estudo “Desigualdade e Pobreza”, entre 2006 e 2010 a renda media do 10%
dos andaluces máis ricos aumentou un 17%, mentres para o 10% dos máis pobres
diminuíu un 40%.
Estes datos serven para facérmonos unha idea da realidade de
Andalucía, unha realidade de latifundistas e xornaleiros sen terras, de
ocupación de terras para poder traballar, da loita do SAT para superar esta
realidade. Un sindicato criminalizado por estar do lado do pobo andaluz mentres
a corrupción, a financiación ilegal, as comisións ilegais e o despilfarro de
cartos públicos dorme en instrucións xudiciais eternas para non castigar os
culpábeis.
Esta situación vai acompañada, como na Galiza e no resto do
estado, da implementación dunha política de recortes sociais, educación ou
sanidade desde un goberno de coalición PSOE-IU denominado “progresista”.