Acto unitario (MGS-PCPG e CNM) en Moaña, polo 96º aniversario da Revolución de Outubro

O 8 de Novembro o Partido Comunista do Povo Galego, o Movemento Galego ao Socialismo e o Colectivo Nacionalista de Marín organizamos en Moaña un acto de conmemoración do 96º aniversario da Revolución de Outubro. 

Tras a apresentación do acto por parte de Xosé Collazo, deuse paso a tres poetas da comarca do Morrazo: Xosé Daniel Costas, Lucía Novas e Alba Méndez, con poemas relacionados coa loita e a revolución. A continuación proxectouse un breve documentario realizado polo PCP con ocasión do 90 aniversario da Revolución de Outubro, onde se contextualiza a irrupción da Revolución de Outubro e as súas conquistas. Por último, e en nome das tres organizacións convocantes, José Emílio Vicente realizou a intervención política do acto. 

Poñemos ao voso dispor ese texto:

“Estimados camaradas e amigos, celebramos o nonaxésimo-sexto aniversario da Revolución de Outubro! As organizacións convocantes deste acto (o Colectivo Nacionalista de Marín, o Movemento Galego ao Socialismo e o Partido Comunista do Povo Galego) agradecemos a vosa presenza.
A Revolución de Outubro non é un evento mais nesta longa historia da humanidade pola liberdade. É a primeira revolución socialista na que as traballadoras e traballadores triunfamos e comezamos a construción dun estado propio, no camiño dunha sociedade sen clases.
Atopámonos, moi probabelmente, ante o acontecemento histórico máis falsificado, máis terxiversado que nunca coñeceramos. Negámonos a claudicar ante esta presión, ante a historia escrita e reescrita unha e outra vez polos vencedores, que reflectiu a ideoloxía dominante. A ideoloxía hoxe dominante -que é, como de costume, a das clases dominantes- fálanos do século XX como o da derrota do socialismo. É xa vella a teoría da fin da historia, promulgada por ese tétrico director do Departamento de Estado norte-americano, Francis Fukuyama. Esta teoría afirmaba non só a vitoria do neoliberalismo, senón que a pretendía definitiva e eterna. Mais todos os imperios pretenderon ser eternos ou, como mínimo, moi longos. Un deles, o Terceiro Reich, que pretendía durar mil anos, rematou cunha bandeira comunista no alto do Reichstag, hasteada polos soldados do Exército Vermello.
Para nós, a loita non termina coa queda da Unión Soviética. Ao contrario, preferimos reparar no seu carácter inaugural, nas moitas portas, nas moitas alamedas que abriu para que pasemos os homes e as mulleres libres.
 Camiños abertos
En primeiro lugar, a grande revolución triunfa. Alá onde todas as intentonas dos pobos fracasaran, de Espartaco até a Comuna de París, Outubro triunfa, no lugar mais inesperado, nun país asolado polo belicismo do imperialismo, no seo dun pobo barbaramente castigado pola miseria, a fame, a explotación e o analfabetismo. Demostraba que non era certa esa falacia reaccionaria coa que nos teríamos que conformar, “sempre houbo pobres e sempre haberá”, poñía en cuestión que o capitalismo fose o estado natural e inmutábel da humanidade.
En segundo lugar, este proxecto define a construción dunha sociedade diferente. Os que sempre foran afastados do poder pasan a detentalo. Modifícanse as relacións de produción. Comeza a loita por superar a miseria nun país com atrasos colosais, que apenas abandonara a servidume hai unha xeración; revoluciónase a cultura, coa educación e alfabetización acelerada de millons de persoas; desenvólvense as ciencias e as artes, con logros xigantescos.
En terceiro lugar, definía un inmenso reto ao capitalismo mundial, ao que pon contra as cordas no maior desafío que enfrontou na sua historia. Outubro inspiraba, con certeza, pavor. O socialismo non era xa unha utopía que se perseguía a sangue e fogo, senón unha alternativa real, que comezaba a ser construida grazas á acumulación de inmensas forzas, e que só foi interrompida por unha contraofensiva xigantesca que comezou desde o primeiro segundo e nunca se detivo. Apresentábase como primeira etapa dun movemento destinado a extenderse por todo o mundo.
A grande burguesía mesmo recorreu á violencia do fascismo –xa sabemos que un fascista é un burgués asustado- lanzando o planeta para a catástrofe. Foi da URSS, e dos/as comunistas en xeral, a contribución fundamental para derrubar o fascismo, fillo do capitalismo que a comezos dos 40 controlaba toda a Europa continental. En canto tiveron as condicións adecuadas, as potencias capitalistas encetaron unha poderosísima ofensiva en todas as frontes: do fascismo á guerra económica e á chantaxe nuclear, a guerra fría cultural, a espionaxe, ou mesmo a utilización instrumental de forzas presuntamente de esquerdas, todo foi utilizado para atacar a revolución.
Ademais, Outubro serviu para estimular as loitas de liberación nacional en todos os continentes. Ampliou os limites da cuestión nacional, transformándoa en cuestión xeral da libertación dos pobos das colonias, a partir do recoñecemento do direito de autodeterminación e da énfase do papel revolucionario das nacións dominadas. Aínda a día de hoxe, inspira os movimentos socialistas e de liberación nacional que se desenvolven en todos os continentes, nomeadamente o da Cuba socialista que aínda resiste.
Foi tamén un momento de singular avanzo nos dereitos da muller, que non foi regalado de arriba a abaixo, senón decorrente do papel protagonista da muller na revolución, tamén nas barricadas e nas asembleas. O socialismo sería, e é, imposíbel, sen a participación das mulleres na vida pública e política, sen as arrancar do embrutecedor patriarcado que as confinaba ao goberno da cociña e a xestión da casa. Os avanzos nos primeiros anos da URSS foran superiores en relación ao dos países capitalistas: o recoñecemento da igualdade absoluta, o direito ao voto e a ser eleita, direito a aborto, a supresión do casamento relixioso, un novo modelo de ensino coeducaivo, as infraestruturas sociais, a participación de revolucionarias como Alexandra Kollontai no goberno, e en definitiva o comezo dun proceso de plena emancipación das mulleres.
Paradoxalmente, é hoxe, cando vivimos nun tempo de signo contrario, cando podemos percibir mesmo con maior clareza a profunda ruptura que representaba a Revolución de Outubro. Atopámonos no curso dunha brutal ofensiva contra todos os nosos direitos: os económicos, mais tamén os políticos, sociais, educativos e culturais. Direitos que foran conseguidos en grande medida pola Revolución de Outubro, polo impulso que deu ao movimento operario de todo o mundo e polo profundo temor que inspirou a posibilidade da derrota á burguesía, que construiu un pacto e un Estado social mentres lle interesaba, recelosa de novas revolucións.
O socialismo é a alternativa
Para quen, como nós, persiste na loita polo socialismo, a Revolución de Outubro non pode ser un fósil, unha peza de museo que nos fala dun pasado perdido. Debe ser un instrumento útil para aprender e construír o noso propio proxecto de desenvolvemento económico e social ao servizo das necesidades humanas. A pesar do tempo transcorrido, Outubro sitúase para nós no centro da batalla ideolóxica, e aínda será máis importante nos anos que virán, cando sairán a luz os principios universais desta data.
Podemos extraer varias leccións. En primeiro lugar, temos de comprender que Outubro non se pechou coa queda da URSS. Abriu unha nova era histórica, a da pasaxe do capitalismo e do imperialismo para a socialismo, que terá que afrontar avanzos e retrocesos como os do actual momento. Non hai un avanzo lineal, ininterrompido e ausente de conflitos. Mais non hai outra alternativa para as traballadoras e traballadores, e debemos tomarnos moi seriamente a consigna “socialismo ou barbarie”. O capitalismo non pode vivir sen revolucionar incesantemente os medios de produción, e pode adaptarse a novos paradigmas. Mais non pode resolver a súa contradición inherente, a súa natureza baseada na explotación e na guerra.
En segundo lugar, temos que reparar na necesidade de contar coas nosas organizacións propias, revolucionarias e de clase, e acumular forzas suficientes, sen desistir nos momentos mais duros. Como dicía, Rosa Luxemburgo, a revolución é a única forma de guerra en que a vitoria final é preparada através das derrotas previas. O deber dos revolucionarios é facer a revolución.
Outra lección importante é a necesidade de contarmos cun programa proprio adaptado ao noso contexto e momento histórico, con tarefas inmediatas equivalentes á de “pan, paz e terra”. Algunhas leituras dogmáticas afirmaban que sería imposíbel construír o socialismo nun país atrasado, que era imprescindíbel queimar antes etapas históricas. Tamén a nós nos din moitas veces que é imposíbel un estado galego independente, que debemos aguardar por outras circunstancias externas. Tentaremos demostrar que se equivocan, utilizando a nosa forza non só para tocar, senón para “tomar os céus por asalto”.
Sabemos, en definitiva, porque é tan odiada esta revolución: porque continúa a marcar camiños. Continúa a dicir que é posíbel un mundo de xustiza, benestar, liberdade e democracia, mais só desde a emancipación social e o poder das traballadoras e traballadores, só desde a vitoria da causa universal da nosa clase.
Inspirados por Outubro, asumimos a nosa identidade e defendemos perante o pobo galego o noso proxecto de liberación nacional e sociedade socialista. O capitalismo non é a fin da historia: construiremos a forza capaz de varrer o vello e crear o novo.
Fotos e crónica (web do Movemento Galego ao Socialismo):