NA MEMORIA DO CAMARADA BENITO MORAIS MARTÍNEZ.



O día 13 de xaneiro deste ano de 2017 faleceu Benito Morais, de Tui, un camarada importante na vida do activo militante do PCPG, do que foi imprescindíbel para a súa fundación e desenvolvemento desde 1983 e dirixente en algúns momentos. 

Benito Morais Martínez, naceu en Camposancos - A Guarda e tinha 94 anos.

Desde aquí expresamos a nosa condolencia a todos os seus seres queridos, en especial ás súas filhas e filhos.

Deixamos dúas resenhas sobre el e a súa posición militante, realizadas polos camaradas Ernesto Cañedo Sainz e Xosé Collazo Castro


BENITO MORAIS MARTINEZ
[Ernesto Cañedo Sainz]

Cando coñecín a Benito eu apenas sabía o que era traballar por un mundo mais xusto, e menos o que era o socialismo nin o comunismo. E non tan só pola miña xuventude senon tamén por que non imaxinaba nin de lonxe o que estes camaradas pasaron.
O do fascismos.., o do franquismo... un non chegaba a comprender como as miserias humanas poden chegar a tales extremos. Nin comprendía daquela como unha persoa podía pasar toda unha vida loitando por unha causa.
Pero coñecer a Benito Morais e escoitalo, compartir momentos da vida, foi todo unha honra.
Comprendín como se entregaba no seu traballo, como delineante, como creador, como mestre de obra. Facíao coa mesma entrega como na loita dos dereitos das persoas.
Moitas veces comentábame que tiña que realizar obras para os fascistas, pero como el dicía, consolábao pensar que obriga de ter que facer cousas, compensábase por que cando os obreiros sexamos donos da terra mereceremos herdar esas cousas boas.
Benito Morais Martinez, naceu alá polo ano 1923 na fermosa vila mariñeira de Camposancos, da Guarda, lugar de represión franquista, igual que Tui cidade onde viviu os seus derradeiros anos.
O camiñar nos recordos doíalle especialmente, aínda que consideraba que un pobo está na obriga de recordar a súa historia.
Realmente un pode pensar que esta xente, que estes camaradas.., pasar polo que eles pasaron, sufrir todo tipo de humillacións, torturas, cadeas..., coñecer a execución dos seus camaradas... teñen que estar forxados doutra maneira ca nosa, con outro coiro, e así demostroumo.
A guerra sorprendeuno con 13 ou 14 anos en Madrid, internado nun colexio de curas. O seu compromiso e a súa fuxida custoulle, despois de que o apresaran os falanxistas dándolle paus a eito. Condenárono a 7 brutais anos de cadea. Non foi a súa primeira prisión, andando o tempo (20 anos despois) foi novamente encarcerado.
A súa formación política forxase nos cárceres nas que estivo, onde escoita falar do Manifesto, e de Lenin.. e aprende que é o socialismo que é o comunismo dende Madrid, pasando por Palos da Fronteira, Burgos.., coincide que o xefe da prisión era da súa terra o que lle sirve para que lle conceda ir ao centro de estudos onde os presos políticos imparten clases aos mozos. Benito dicía que había un grao de cultura moi alto. A camaradería e a unidade que tiñan nos cárceres permitíalles dalgunha maneira manterse vivos.
Lembrábame Benito, cun sorriso, que cando decidiron facer folga de fame en protesta para reivindicar melloras carcerarias, poñíanlle de comer potaxe de garavanzos, e cando metían o cullerón para servir soamente saía auga, nin un só garavanzo, “e nós, atreviámonos a facer folga de fame!”.
Sabes?, dicíame, “duroume moitos anos a fame psicolóxica.., era coma se nunca estivese satisfeito”.
Obrigáronlle a facer o servizo militar nun batallón disciplinario.., “que contar de todo isto?”, dicíame, cun rostro que expresaba claramente o que tivo que pasar.
Desenvolveu a súa militancia comunista no PCE e PCG, ata o seu ingreso na reorganización de militantes comunistas no ano 1983 que, no ano 1984 ergueron o PC (“pcpunto”), convertido ao pouco tempo até hoxe no Partido Comunista do Povo Galego.
Asociado ao sindicato CNT, con moita forza no baixo Miño de entón e despois a CCOO.
Como persoa loitadora sempre tivo militancia, desde a clandestinidade, e unha actividade importante nos movementos sociais, montando as primeiras asociacións de veciños nas que foi presidente. Corresponsal dalgún que outro diario, facendo escritos e artigos durante moitos anos.
Realmente a loita de Benito Morais, así como a de moitos camaradas que compartiron loitas e penurias, pode encher páxinas enteiras. Podería escribir moito sobre o que el me contou nos paseos matinais que dabamos nos domingos.
Pero eu quero destacar, co permiso do camarada ausente, que me aprendeu a dicir o que pensaba.. é humano e senta ben. E tamén a condición humana que este camarada sempre tivo ao longo da súa vida, que non sempre lle puxo o seu mellor sorriso, pero aínda así soubo manterse, loitar e compartir. Hai que ter amor e beleza de principios no que se fai e no que se cre, forxalo como el o fixo.

Grazas polo teu exemplo.  [Ernesto Cañedo Sainz]


BENITO MORAIS MARTÍNEZ, DE QUEN TIVEN O PRACER DE APRENDER
[Xosé Collazo Castro]

Coido que foi a mediados de 1982 cando conhecín a Benito Morais. Eu chegara a Tui en 1981, para incorporarme ao daquela Instituto de FP, no meu segundo ano de trabalho no ensino.
Corrían tempos de reorganización de imprescindíbeis ferramentas transformadoras e de mobilización pola paz anti-imperialista e a solidariedade entre os povos. Por todo o noso país se construían plataformas anti-OTAN, nun momento no que muitos víamos claro que as promesas e compromisos electorais do PSOE non se ían cumplir e a fraude monstruosa do felipismo quería máis ben converternos nunha nova colonia da “guerra das galaxias” de Reagan.
A socialdemocracia hexemónica ia facer moi ben o seu papel, asignado desde Washington, na segunda etapa da instalación da monarquía juancarlista imposta por Franco, agora que o proxecto “centrista” dos sectores seica aperturistas do rexime perdían forza e lexitimidade ante as loitas do povo.. Pouco antes una parodia teatralizada de “golpe de estado”, comandada na sombra polo Borbón herdeiro do tirano felón puxo freo, e medo, a certas “veleidades” das varias socialdemocracias espanholas, coa intención evidente de encorsetar o proceso que se adivinaba despois das eleccións xerais de 1981.
No medio daquel panorama, colectivos de xentes honestas golpeadas polo sistema e tamén polos aparelhos dunha esquerda compracente e sedicente procurabamos saídas daquel marasmo, cada vez máis colectivamente, para acadar alternativas de reorganización. Alternativas necesarias contra os que traicionaran una loita heroica de 40 anos e funcionaban polos carreiros do oportunismo “eurocomunista” comandado polos Carrillos, “Gerardíns”, Gelucos & Co, etc.
Nese ambiente, luitadores que non estaban dispostos a transacionar nin transixir con esas pedras de muinho, comenzaron a reunirse para recuperar o que nos roubaran. Distintos colectivos e persoas criabamos comités e mesas de unidade e recuperación comunista, á par que pulabamos a luita entre os trabalhadores e trabalhadoras ou erguíamos Comités anti-OTAN, ou axudabamos a criar o alicerce do que despois sería a Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil”, etc..
Foi aí onde, por convite do histórico Paco Comesaña, tomei contacto na súa casa con unha agrupación de comunistas do PCG, daquela comandada por Benito Morais Martínez, Ramón Fariña e o xa referido doutor Francisco Comesaña Rendo, entre outros. Na primeira reunión, observei enorme simpatía polas novas que eu lhes levaba por medio da propaganda que nos comités e mesas de unidade elaboramos e que, en esencia, se pronunciaba contra a liquidación eurocomunista e carrillista, pola recuperación dun partido de clase marxista-leninista, a amizade coa Unión Soviética e o Internacionalismo Proletario. 
Coido que foi Benito Morais o que máis expresivamente se identificou coa exposición, cando emocionadamente dixo máis ou menos: “*Tau!, iso é o que estaba agardando hai tempo, eu renego de Carrillo, son marxista-leninista e revolucionario prosoviético”.
Durante uns poucos meses seguímonos reunindo co obxectivo de erguer unha célula ben armada en Tui ao servizo dunha causa xeral cuxa bandeira erguían ducias de persoas comunistas na Galiza, en paralelo coa luita anti-OTAN e coas as luitas dos trabalhadores da comarca de Vigo e, lembro porque foi significativo, o nacemento da Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil”, na que tres persoas de Tui fomos activos nos seus comenzos, especialmente o doutor Comesaña (membro da súa primeira directiva fundacional), a quen eu levaba e traía durante meses (coa companheira “Perla”) ás reunións fundacionais que se facían en Vigo.
A mediados e finais do ano 1983, o noso proceso de reagrupamento comunista ampliouse algo e tomou forma definitiva, comezando a dotarse dunha certa estrutura “de mando”. Por primeira vez despois do verán daquel ano foi convocada unha unha asemblea ampla no hotel México de Vigo, na que poderían participar camaradas de toda a provincia. A min encomendáranme  servir de “intermediario” na zona de Tui e Baixo Minho. Lembro que chamei telefónicamente a algúns camaradas e especialmente a Benito para convidalo a esa asemblea do hotel México e perguntoume: 
“Cantos somos?”. Eu respondinlhe: “Benito, non sei exactamente, coido que seremos poucos: “Uns 28 ou 29..”. Respondeume: “Está ben, comigo seremos 30”..
Esa asemblea (onde asistiu unha pequena parte do activo que despois serían reunións máis numerosas, con xentes procedentes e desvinculadas do PCG, PC (r), MCG, UPG, PTG, EG, Irmandade Galega, PCU, LCR e outros) causoulle unha profunda e agradábel impresión e alí mesmo foi designado, comigo tamén, como integrantes da nosa zona na Comisión de Unidade Comunista.
Despois, a mediados do ano 1984, tivemos que separarnos xeograficamente, por motivos do meu traslado de traballo a Vigo e Lalín e vinheron os 85, 86, etc... Congresos, asembleas e reunións periódicas da dirección “provincial” (daquela o órgao máis importante na Galiza, do que el fixo parte en distintos momentos) o ingreso de novos/as militantes, a eufória inicial dos éxitos das nosas convocatorias e actos (algúns verdadeiramente multitudinarios), o achegamento de simpatías de amplos sectores da esquerda combativa, mais tamén algúns sinsabores e tristuras e outras peripecias que non collen nun simples artigo rememorativo. Tempo teremos de falar máis disto...

-Benito Morais era así, foi sempre COMPROMETIDO ATÉ O FINAL DOS SEUS DÍAS coa causa do povo trabalhador, pola que deu canto puido.
-O camarada Benito Morais impulsou sempre a luita do povo alí onde estivo, fundamentalmente no movemento vecinhal, no que foi peza imprescindíbel.
-Tivo sempre un compromiso avanzado coas luitas da clase obreira, na CNT e en CC.OO, por un tempo, cando ese sindicato tinha posicións de loita de clase e orientación cara o socialismo..
-Estivo dúas veces no cárcere e pasou muitos anos de prisión nos peores tempos do fascismo franquista.
-Foi un excelente profesional do seu gremio, un competente mestre e xefe de obras, prestixiado e solicitado, mesmo despois de ser xubilado e un agudo e intelixente cronista e articulista en diversos medios.

O camarada Benito Morais foi, por cima de todo, un home íntegro, xeneroso..; apaixonado no combate pola transformación da sociedade, transparente, leal...e convencido de que a conquista dunha sociedade máis xusta como a que defendemos pasa pola afirmación nos principios ideolóxicos e na disciplina organizativa dun partido da clase obreira coma o que nos legaron algúns clásicos.
A súa vida foi, unha grande lección de rectitude, verdade, coerencia e saber estar. Aí queda iso!.
E agora seguirá como referente a seguir, coma outros/as camaradas que tamén nos deixaron nestes últimos 35 anos...Son dúas ducias xa aqueles que axudaron a por en pé o noso proxecto e non están fisicamente con nós, máis co seu exemplo e maxisterio estarán sempre na nosa beira até a conquista definitiva dun mundo melhor, sen desigualdade, muito máis fraterno e xusto.
Até sempre, querido mestre e camarada. *Tau por ti!!
Venceremos
-* “Tauera unha expresión que usaba con frecuencia cando afirmaba con vehemencia as súas conviccións ou estaba plenamente identificado con algo. -
[Xosé Collazo Castro]

LIBERDADE PARA AS NOVE PERSOAS INDEPENDENTISTAS

NON Á CRIMINALIZACIÓN E REPRESIÓN DAS IDEAS.
Liberdade para as persoas independentistas detidas!
Un novo operativo policial realizouse contra un determinado número de persoas rebeldes da Nosa Terra, 9 dos cales foron levadas forzosas a Madrid, onde terán que declarar ante a "Audiencia Nacional Española".
Outra vez as detencións e persecución contra disidencia golpea Galiza e sabemos que o obxectivo non é unicamente o independentismo galego ou o colectivo ao que poidan pertencer.
Os que usaron o TOP ducias de anos atrás pretenden manter a súa dominación arrepiante, conservar os seus privilexios e coma en casos anteriores, atemorizar ou criminalizar, ponhendo en suspeita as ideas da insubmisión á súa orde tiránica, anatemizar as ideas de todos NÓS.
Son a nosa "negra sombra", a que deixan os mesmos abutres de sempre"
Denunciamos esta nova e delirante montaxe reaccionaria e esiximos a posta en liberdade de todas as persoas detidas, así coma deixar sen efecto a ilegalización da formación política Causa Galiza.
DENANTES MORT@S QUE ESCRAV@S!
30 de Outubro de 2015

Cté Nacional do PCPG

48 ANIVERSARIO DO ASASINATO DO COMANDANTE ERNESTO CHE GUEVARA



ESTÁS CON NÓS, AÍNDA ES O NOSO COMANDANTE

Hoxe 9 de Outubro cúmprense 48 anos do asasinato do Comandante CHE GUEVARA, por parte dos servizos secretos yanquis e dos seus cúmprices e lacaios gorilas que daquela tiranizaban Bolivia.
Agora máis que nunca é necesario seguir luitando e morrendo se é preciso polos ideais de xustiza e liberación que él defendeu. Os povos e trabalhadores/as neste día non podemos esquecer ao "guerrilheiro heroico" e por iso rendemos esta pequena homenaxe con este poema, muito tempo despois musicado por Luar na Lubre, dun dos nosos poetas nacionais galegos: Celso Emilio Ferreiro.

PANDEIRADA AO CHE

Dende o profundo da serra
polo ar un vento ven
un vento dun pensamento
que leva o teu nome Che.
Sen morte algunha que o pare,
morte que o poida conter,
corre libre pola xente
e leva o teu nome, Che.
Un vento coma unha estrela,
coma unha fouce de pé,
coma unha fouce afiada,
que leva o teu nome, Che.
Un vento cheo de ganas
de queimar e revolver,
un vento de lúa nova,
que leva o teu nome, Che.
O sangue que lle antecede
co que xurde detrás del
forma un feixe de rosas,
que leva o teu nome, Che.
E cando os nemigos fuxen
ou comezan a morrer
quen os abate é un vento
que leva o teu nome, Che.
E cando as sombras se alonxan
dándolle paso ao mencer,
a luz do dia é un vento
que leva o teu nome, Che.


[Celso Emilio Ferreiro]

27-S: Coa liberdade, apoiamos a Independencia de Catalunya e a candidatura das CUP-Crida Constituent

DECLARACIÓN CONXUNTA de solidariedade do Colectivo Nacionalista Marin, do Movemento Galego ao Socialismo e do Partido Comunista do Povo Galego sobre a situación en Cataluña e de apoio á candidatura CUP-Crida Constituent nas eleccións do vindeiro domingo

O Estado español, e o seu réxime ilexítimo, enfréntase a un desafío xigantesco e incontornábel no proceso de independencia aberto en Cataluña, que ten un novo paso nas eleccións plebiscitarias convocadas o 27 de setembro.
Este réxime, construído a partir da reforma ilexítima das estruturas franquistas hai catro décadas, tiña como obxectivos impedir a ruptura democrática para garantir a estabilidade da opresión nacional e a explotación capitalista na súa fase neoliberal e por medio de instrumentos como o Estado das Autonomías. No entanto, este sistema si afrontou importantes e significativas resistencias de sectores populares no Estado, en particular os movementos soberanistas e independentistas de esquerda, que aínda hoxe representan a principal ameaza para a súa supervivencia. A forza e constancia destes movementos contrasta coa cooptación das elites e a conformación dunha "esquerda" e sindicatos funcionais e imprescindíbeis, que ao longo das últimas décadas actuaron como baluarte do sistema, así como coa aparición recente de novas alternativas reformistas e rexeneracionistas, que pretenden substituir ou cooperar coas anteriores.
O exercicio da autodeterminación e a independencia son xa un obxectivo popular e inmediato no Principado de Catalunya. O desgaste da xestión institucional do sistema, prolongada durante 40 anos de autonomía, xunto co nivel de conciencia e a mobilización popular, e o impacto da crise na subxectividade, convertiron a independencia nunha auténtica alternativa de masas, que se vincula ineludibelmente a un proceso de democratización e conquista do poder popular.
É innegábel que a independencia do Principado representaría un paso adiante para as clases populares, para a vontade popular e para a xustiza social, e un golpe enorme para a oligarquía española, que enfrontaría a ruptura de estruturas de dominación e ocupación sostidas durante tres séculos en parte da nación catalá.
Todos os subterfuxios e excusas utilizadas para non respaldar a independencia só serven na práctica para contribuíren á continuidade do réxime español baseado na explotación e a dominación das nacións oprimidas, e para negar o dereito elemental e democrático á autodeterminación. O discurso do reformismo español, que pretende vincular o proceso independentista aos intereses particulares de sectores da mediana burguesía catalana, ligados a Convergència, só pode cualificarse de cínico. É certo que aproveita, deformándoa, unha parte da verdade nas dificultades e contradicións existentes.
De feito somos plenamente conscientes de que existen tanto bases como concepcións burguesas da independencia na Catalunya ­ao contrario do que acontece no noso país­ que pretenden encauzar o proceso, para manter os seus privilexios na medida do posíbel e desde dentro dun novo Estado. Son os mesmos sectores que devecen por manter a fidelidade ao capitalismo, á Unión Europea ou á OTAN, e que actúan de forma fantasiosa en grande medida, xa que dificilmente van asumir de forma plena as consecuencias do enfrontamento co Estado Español, e teñen tendencia a buscar novos pactos e falsas saídas, como xa demostran as numerosas vacilacións que alongaron excesivamente o proceso nos últimos anos. Mais o reduccionismo que equipara a independencia aos estreitos intereses de Convergência pretende ignorar que si existe un proxecto social na independencia que é propio das clases populares, que estas son as máis implicadas no proceso, e que este está dirixido cara a ruptura co marco sociopolítico e económico, de xeito que a independencia representará un avanzo extraordinario na democracia política e social, e conseguirase só desde a confrontación co Estado, danando con contundencia a oligarquía, que si está comprometida, sen ningún tipo de dúbida, co réxime imperante.
En realidade, a única estratexia verdadeiramente rupturista e alternativa, ante a que non caben neutralidades nin empates, é a independencia. O proceso avanzou por medio dunha inmensa mobilización popular e só poderá culminarse por medio da desobediencia civil e o enfrontamento co Estado español, que non é reformable. Posicionarse contra ela é obxectivamente poñerse da beira da oligarquía, cunha cumplicidade inadmisíbel co imperialismo.
O autonomismo e as vagas ofertas federalistas son camiños xa pechados. No entanto, somos tamén conscientes de que o Estado Español non vai tolerar democratica e pacificamente a independencia de ningunha nación. Por outra parte, é unha entelequia pensar que a plena soberanía é compatíbel co metabolismo do capital internacional e coas estruturas imperialistas máis importantes como a UE, de xeito que, aínda coa victoria independentista, tería que se iniciar un proceso constituínte dotado dun inmediato programa de transformación, enfrontado á continuidade da explotación, á perpetuación dos privilexios de novas elites económicas e á subsistencia das formas vellas de dominación no económico, no social e no político. Neste mesmo sentido, a construción dun novo Estado no Principat contribuiría a desenvolver máis a loita independentista e popular na maior parte da nación catalá, o resto de rexións históricas dos Països Catalans dominadas por España e Francia, que parten de diferentes niveis de conciencia política e dunha maior subordinación e identificación co marco autonomista, onde a loita nacional demostra a súa complexidade. Así, o movemento popular catalán vaise enfrontar nos próximos meses e anos a retos colosais no seu proceso de construción nacional, que precisarán da máxima solidariedade posíbel.
Ademais, somos conscientes de que a ruptura e a independencia no outro extremo da Península tamén contribuirá a abrir as portas da nosa propia liberdade, polo que traballamos sen descanso, do mesmo xeito que os avanzos do noso movemento ecoarán positivamente no resto de nacións do Estado.
En base a estas análises, e desde a nosa identificación e praxe como comunistas, independentistas e internacionalistas, queremos amosar o noso máis firme apoio á construción da República Catalana, así como o respaldo explícito á Candidatura de Unitat Popular­Crida Constituent nas eleccións plebiscitarias do 27 de setembro, como o instrumento máis útil para reforzar simultaneamente o poder popular e o proxecto independentista.
Apelamos expresamente aos milleiros de galegas e galegas que viven no Principado a votar pola CUP, reforzando á vez a alternativa independentista e o bloque popular, e a se implicar no proceso de construción dun novo marco sociopolítico ao servizo dos intereses populares, no camiño da ruptura coa ditadura do capital, coa Unión Europea e con todas as estruturas imperialistas. A liberdade haberá que gañala coa loita.
Na Galiza, a 22 de setembro de 2015
Colectivo Nacionalista de Marín
Movemento Galego ao Socialismo
Partido Comunista do Povo Galego

89 ANOS. PARABÉNS, FIDEL!

O 13 de agosto de 1926 nacia en Birán-Holguín, un libertador cubano de orixe galega que se chama Fidel Castro Ruz, o comandante dos pobres e dos povos rebeldes e anti-imperialistas do mundo. Felices 89 ANOS!. Parabéns!

Día da Patria 2015: "POLA UNIDADE. NADA PARA NÓS, TODO PARA O POVO GALEGO"

O Partido Comunista do Povo Galego (PCPG),chama a asistir á manifestación “POLA UNIDADE: A NACIÓN GALEGA” que vai ter lugar en Compostela neste Día da Patria.

Por primeira vez na nosa historia recente, unha soa convocatoria nacional reune na capital de Galiza, o 25 de Xullo de 2015, á imensa maioría das persoas e forzas políticas galegas nacionalistas, galeguistas, patrióticas e independentistas, no que constitúe sen dúbida o máis amplo e diverso abano que se manifesta para exercer a vontade política dun Povo que esixe respeito, xustiza e soberanía para a súa Nación, partindo do máis elementar dereito democrático que lle corresponde a se constituir en suxeito colectivo soberano de pleno e irrenunciábel dereito a se auto-governar.
Non é neste dia o momento proclamar “máximos” nin de esixir “mínimos” ideolóxicos de converxencia, nin de exacerbar particularismos que nos enfronten por migalhas partidarias, nin moito menos para esixir doutras forzas o que todos e cada un non somos quen de conseguir coa nosa praxe por separado.
Como é sabido no PCPG defendemos de sempre a máxima unidade de acción entre as forzas do povo e, mais concretamente, a necesidade de irmos avanzando cara a confuencia en convocatorias nacionais e reivindicativas particularmente importantes como esta. Nunca deixamos de pedilo; nunca puxemos obxeccións nin atrancos e nunca colocamos condicións excluintes de ningunha caste á tarefa máis axeitada ou acaída segundo as circunstancias e as posibilidades que se presentaran.
Felizmente esta iniciativa concretízase agora no chamamento-manifesto “Pola unidade” que nós consideramos apoiar sen ningún tipo de reticencia DENDE O PRIMEIRO MOMENTO e, xa que logo, apelamos a todos e todas as camaradas, a todas e todos os nosos amigos e amigas, a toda a nosa clase trabalhadora a participar con entusiasmo e xenerosidade.
Dende o PCPG, ao tempo que o celebramos, felicitamos publicamente ao colectivo de persoas independentes que promoveron esta manifestación histórica de unidade.
Asi mesmo saudamos a exemplar xenerosidade mostrada polo BNG que, como forza maioritaria e protagónica de todas as máis grandes mobilizacións que se tenhen dado durante ducias de anos, foi quen de renunciar á súa convocatoria tradicional para deixar que esta iniciativa no seo do Povo Galego conscente de seu tomara todo o protagonismo. 
O Partido Comunista do Povo Galego parabeniza por último a todas as organizacións políticas, sociais e culturais de todo tipo por facer posíbel coa súa entrega e patriotismo que esta grande manifestación pola Unidade da Nación Galega se concretice neste vindeiro 25 de Xullo.
Sair do modo da opresión a que nos someten, reconquistar dereitos e liberdades está ligado a recuperar o noso verdadeiro auto-governo como Povo. Mais a consecución diso, que identificamos como soberanía ou independencia non vai cair do ceo nin da concesión graciosa de governantes e institucións alleas que serven a un réxime xenéticamente expoliador, represor e imperialista, senón da nosa xenerosidade, da nosa UNIDADE, da nosa auto-organización e da nosa loita.

Viva a Unidade do Povo Galego
Viva Galiza Ceive e Socialista
Avante pola República Galega

Ver chamamento da Iniciativa: Pola Unidade: A nación Galega

NESTE 24 DE MAIO: CONCELHOS PARA UNHA GALIZA NOSA E LIBRE. DESDE ABAIXO, CO PODER DO NOSO POVO TRABALHADOR

NESTE 24 DE MAIO VOTA BNG-AA

Son tempos moi difíciles para os povos e para as  trabalhadoras e trabalhadores. O capitalismo como modelo de producción e apropiación nesta última etapa neoliberal-imperialista é o responsábel da profunda involución e declinio histórico que presenciamos, en todos os planos e en case todas as sociedades existentes.
Un diminuto grupo de individuos que constitúen a oligarquía que detenta o poder desde os escritorios das corporacións transnacionais nas que se sustenta este sistema de expolio inhumano, utilíza a súa crise irresolubel e terminal como pretexto para que uns governos lacaios (que por iso foron postos por eles) imponhan as receitas coas que acabaren cos países e arruinaren o povos, para destrozar os dereitos das traballadoras e dos traballadores.
Galiza e o seu povo están, aos pesares das súas potencialidades, dos seus grandes recursos productivos e naturais e da preparación e capacidade da súa xente trabalhadora, na escala máis baixa en dereitos sociais, na cuantía máis ínfima dos salarios e nos niveis de desemprego, precariedade ou emigración máis altos en varias décadas. Os ricos tórnanse máis ricos aínda, e cada vez máis capas do noso povo alargan números nas estatística cada vez máis desorbitadas da precariedade e da miseria.
Vemos, especialmente nestes últimos 7 anos, como eliminan dereitos sociais que foron conquistados con tanta loita, suor e sangue polas xeracións pasadas; como espolian os nosos aforros, desafiuzan  violentamente persoas das súas vivendas, agreden o noso ambiente e territorio; como eliminan paulatinamente a nosa lingua e cultura; como privatizan e destrúen os servizos públicos ou como negan a nosa capacidade secular de producir.
Estamos máis que nunca na obriga e imperiosa necesidade de exercermos como Clase e como Povo, de respondermos unidos e con firmeza para defendernos de tanto roubo e de tanta agresión, de tantos ataques aos nosos dereitos e liberdades e de facerlhe frente a tanta barbárie.
E iso é o que están a facer sectores non pequenos do noso povo, que lonxe de resignarse reaccionan con rebeldía, convicción e tenacidade. Iso é o que fai unha parte importante da nosa clase trabalhadora que se mobilíza en defensa dos seus dereitos e do futuro de todos nós; son ducias de miles de afectados e afectadas polo roubos das súas poupanzas bancarias, centos e miles de emigrantes retornados que se organizan e mobilizan contra tributos e impostos aberrantes e inxustos, ducias de miles que saen á rúa en defensa da lingua galega, miles de mulheres e homes e de mozas e mozos que loitan contra a discriminación e a violencia de xénero, na solidariedade internacionalista ou na defensa do noso ensino e sanidade públicos.
A Galiza trabalhadora non é submisa, nin conservadora e está a dar mostras inequívocas de rebeldía frente aos governos indignos, con vontade inequívoca de rematar con tanta inxustiza e abrir caminhos de transformación e mudanza.
Transformación que terá que vir das variadas formas da loita obreira e popular, mais tamén do pulo e cobertura das institucións conquistadas nese combate; coas formas de loita popular máis decidida, porén tamén coa confianza e os votos conquistados pola forza da unidade e da nosa (auto) organización, desde a coerencia e a firmeza revolucionaria.
Sair do modo da opresión e do roubo que pretenden infinito, reconquistar dereitos e liberdades ou recuperar a nosa soberanía como Povo non vai cair do ceo nin da concesión graciosa de governantes e institucións dun réxime xenéticamente expoliador e imperialista, senón da nosa reorganización e loita insubmisa, sendo as frentes dese combate moi variadas, sempre coordenadas e organizadas, fase a fase e paso a paso.
É nese caminho que a loita eleitoral tamén devén importante ferramenta complementaria na dialéctica de avance xerada e, mesmo, vector moi efectivo pra rexeitarmos de vez as vias mortas da servidume dunha Galiza dependente a poderes xeográfico-económicos de decisión allea.
Nesta orde de cousas, os comunistas do PCPG, analizamos o papel que poden xogar as próximas eleicións municipais na presente situación; como ocasión para responder á infamia dos que desgovernan e para conquistar espazos de poder e afirmación popular que afortalen as bases da propia mobilización e consciencia popular, para avanzarmos decididamente cara unha sociedade libre e xusta, nunha Galiza dona do seu futuro, que máis cedo que tarde terá que ser Soberana e Socialista.
É por iso que desde o Partido Comunista do Povo Galego apoiamos as candidaturas do BNG-Asembleas Abertas e chamamos a apoiar nestas eleccións municipais as candidaturas da organización galega e de esquerda máis sólida, organizada e experimentada que se apresenta en perto de 300 concelhos do noso país (máis lugares que todas as outras consideradas de “alternativa” xuntas). Candidaturas das que fan parte activistas sociais destacados, sindicalistas reconhecidos, mozos e mulheres fondamente comprometidas cos dereitos das persoas trabalhadoras e maltratadas, cos e coas desempregadas e desposuídos; militantes organizados polo porvir de Galiza e a súa independencia e soberanía nacional.
É por iso tamén, como dixemos nun anterior comunicado, que do PCPG “consideramos ao BNG-Asembleas Abertas como a forza que melhor representa neste momento histórico os intereses e aspiracións do noso povo trabalhador e das súas loitas en curso e expresamos a nosa confianza de que a mesma acade o éxito para conseguirmos erguer novos espazos de poder popular local-democrático e de afirmación nacional cos que melhor defendernos dos plans anti-sociais e anti-galegos que serven os intereses do capital monopolista e financeiro”.
Mais ao tempo que nos erguemos contra os plans das organizacións serviles e corruptas do caciquismo e da reacción, que hoxe se referencia no PP e colaboracionistas do réxime espanhol, debemos estar firmes e conscentes de que a alternativa necesaria desde a unidade pasa tamén por identificar e rexeitar o confusionismo divisionista á moda, conciliador obxectivo do réxime que nos asobalha. Por muito que se esforcen desde oráculos e tribunas, non observamos nestas tendencias melifluas e chamadas “mareas” e plataformas "cidadanistas" máis que gaiolas de grilos, nin tampouco na maioría dos seus dirixentes algo novo no horizonte. Trátase da mesma velha e resesa política con outras facianas e envoltorios, porén cos mesmos procedimentos de sempre.
Para nós a unidade e auto-organización do POVO GALEGO é un principio irrenunciábel e agardamos que así o sexa tamén para outras forzas que se consideran patrióticas e de esquerda, desde a premisa da xenerosidade e do respeito da súa independencia. A expresión desta idea tería que ser aquí e agora, neste 24 de Maio, apoiar e votar as CANDIDATURAS DO “BNG-ASEMBLEAS ABERTAS” para, como deixamos dito, defendernos tamén desde os concellos, para por o poder local ao servizo do noso povo e das súas necesidades e para avanzarmos na conquista de máis espazos de poder popular, polo porvir de Galiza e a súa soberanía nacional.
Galiza, 22 de Maio de 2015

O PCPG SOBRE AS PRÓXIMAS ELEICIÓNS MUNICIPAIS DO 24 DE MAIO

O PCPG SOBRE AS PRÓXIMAS ELEICIÓNS MUNICIPAIS DO 24 DE MAIO




Concelhos ao servizo do povo galego
Para unha vida máis digna
Para acadar un país máis libre e novo
Para avanzar no caminho da nosa soberanía
Pra que nos devolvan o roubado

DEPENDE DE NÓS!

O Partido Comunista do Povo Galego (PCPG) apoia as propostas patrióticas, democráticas e de progreso do Bloque Nacionalista Galego-Asembleas Abertas que se postulan na case totalidade dos concelhos galegos nos próximos comicios do 24 de Maio e solicitamos o voto para as candidaturas que con esa denominación se apresentan en perto de 300 concelhos da Nosa Terra.

O PCPG, do que forman parte algúns camaradas e colaboradores achegados inscritos nalgunhas destas candidaturas, consideramos ao BNG-Asembleas Abertas como a forza que melhor representa os intereses e aspiracións do noso povo trabalhador nesta batalha do 24-M e expresamos a nosa confianza de que a mesma acade o éxito para conseguirmos novos espazos de poder popular local-democrático e de afirmación nacional cos que melhor defendernos dos plans anti-sociais e anti-galegos que serven os intereses do capital monopolista e financeiro.

É preciso responder unidos e con forza aos plans das organizacións corruptas do caciquismo e da reacción, así como do confusionismo divisionista á moda conciliador e servidor obxectivo do réxime que nos asobalha, e por iso chamamos á unidade das trabalhadoras e trabalhadores, así como do maior número das forzas do noso povo que, para alén dalgunha candidatura de base popular, nesta ocasión se expresa apoiando e votando as CANDIDATURAS DO “BNG-ASEMBLEAS ABERTAS”

Galiza, 17 de Maio de 2015

6D Galiza nom tem nada que celebrar. "Contra a segunda transición". Pola Soberanía plena do Povo Galego. Pola Independencia Nacional

6D Galiza nom tem nada que celebrar
Pola independência nacional
Contra a Constituiçom espanhola
Contra a ‘Segunda Transición’

Neste 6 de dezembro, o regime celebra na Galiza o 36º aniversário do referéndum de 1978 em que aprovara a sua Constituiçom. Justo é rememorar agora que naquela altura o povo galego virou maioritariamente as costas ao projeto, apoiando-o apenas 44% do recenseamento eleitoral.
 
Em idêntica situaçom de ilegitimidade encontrou-se tempo após o atual Estatuto de Autonomía, que apesar de contar com a promoçom das principais forças e poderes políticos, empresariais e financeiros espanhóis, foi recebido em 1980 com umha fria abstençom geral e o voto afirmativo de tam só 20% das eleitoras e eleitores galegos.

No entanto, Constituiçom espanhola e Estatuto de Autonomía som desde entom, apesar desta congénita falta de legitimidade democrática, as pedras angulares da arquitetura institucional espanhola na Galiza.

Agora que se cumprem 36 anos da implementaçom deste quadro legal contamos com a experiência coletiva necessária para certificarmos que as prediçons que no seu dia figeram o nacionalismo e o independentismo galegos foram acertadas. O tempo verificou de modo incontestável que a operaçom político-económica baptizada como Transición Española foi umha fraude colossal contra este país e os princípios mais elementares da democracia. O seu único fim era perpetuar os traços básicos do regime chantado na Galiza com as armas e o Genocídio desde 1936, isto é, a subordinaçom político-económica ao Estado espanhol, a vulneraçom do direito de autodeterminaçom, a desmobilizaçom e desestruturaçom da sociedade galega e a preservaçom na Galiza dos privilégios da oligarquia espanhola e as suas instituiçons associadas -monarquia, Igreja Católica, Exército, etc.-.

36 anos após aquel referéndum fraudulento aprofundou-se e agravou-se ao limite a dependência do país e os sintomas negativos a ela associados: desemprego e emigraçom estruturais, empobrecimento crescente da populaçom apesar de sermos umha naçom rica em recursos, sobre-exploraçom da força de trabalho, espólio e degradaçom do território e dos recursos energéticos, biológicos e minerais, avelhentamento demográfico e éxodo da mocidade, involuiçom legal e social nas conquistas das mulheres, retrocesso permanente da presença social da língua e a cultura próprias, etc. Todo sob a manto protetor e promotor da direita neofranquista e clientelar, que fijo do extermínio do país a sua missom histórica. A experiência constatou que o genocida Francisco Franco dizia a verdade quando assegurou que o regime espanhol que o sucederia estaria atado y bien atado.

Sob este quadro constitucional, e no marco das luitas políticas e sociais dos últimos 36 anos, centenas de galegas e galegos fôrom, e som, retaliados, espancadas, multados, detidas, encarcerados e mesmo torturadas a maos das Fuerzas de Seguridad del Estado.

Hoje, com o Estado espanhol devorado pola corrupçom e submetido a umha tripla crise de modelo territorial, de modelo económico-produtivo e de legitimidade, os poderes fáticos aprestam-se para reeditar com novas modalidades a fraude perpetrada em 1978. Falam, de fato, de Segunda Transición Española. Como daquela, pretendem mudar algo para que todo continue na mesma, reproduzindo o espólio do povo e do território com as sequelas conhecidas. Contam nesta tarefa com a cumplicidade ativa, e imprescindível, da auto-denominada esquerda federal ou esquerda ruturista espanhola, que igual que figeram PSOE e PCE na altura se oferecerám para dar à operaçom a necessária pátina de legitimidade. Como daquela, também, o regime reserva a repressom e a persecuçom para quem denunciem e enfrontem estrategicamente esta fraude que se prepara.

Nesta conjuntura, com umha aceleraçom dramática dos processos de exploraçom social e perda de auto-reconhecimento e capacidade de decisom como naçom, com um povo sob estado de choque e umha confusom notável na direçom do nacionalismo hegemónico a respeito do caminho a seguir, as forças políticas e setoriais independentistas galegas abaixo assinadas queremos proclamar alto e claro três questons ao fio do presente:

1ª Hoje, quando se fragua a Segunda Transición Española, a única via possível para abordar com vocaçom de superaçom definitiva as problemáticas sócio-económicas, laborais, ambientais, identitárias, etc. que aqueixam o povo galego segue a ser separarmo-nos definitivamente de Espanha e conquistar a plena soberania política, isto é, a independência nacional e a constituiçom do nosso próprio Estado ao serviço da maioria social do país. Toda folha de rota que persiga o “encaixe” ou a “integraçom harmónica” da Galiza em Espanha situa-se, objetivamente, ao serviço da oligarquia.

2º Qualquer quadro jurídico-político constitucional espanhol é a garantia da perpetuaçom da situaçom atual. Neste sentido, queremos explicitar que a eventualidade da participaçom de forças nacionais galegas num futuro processo de reforma da Constituiçom espanhola ou do Estatuto de Autonomía suporia retornar sobre umha via morta, que nega o direito de autodeterminaçom, e trair o processo de liberaçom nacional. Espanha é a nossa ruína, efetivamente, sabemo-lo, à margem do regime político que postule para perpetuar a nossa dependência.

3º Os setores populares nacionalistas, independentistas e soberanistas e o conjunto deste povo enfrentaremo-nos em breve, quando o regime inicie a reestruturaçom programada, a um dilema estratégico entre impulsionar a meio e longo prazo um conflito político e um processo independentista de massa rumado à definitiva rutura com Espanha, ou a cumplicidade com a sua readpataçom cosmética. As e os independentistas tendemos as nossas maos a todos os setores populares dispostos a enfrentar a fraude em curso da Segunda Transición Española e por proa sem ambigüidades, sem duplos jogos e com honestidade face a conquista da plena capacidade de decisom e a independência como povo.

Denantes mortos e mortas que escravos!
Viva Galiza ceive, socialista e antipatriarcal!
Independência e socialismo!

Agir
Briga
Causa Galiza
Ceivar
Coletivo Nacionalista de Marim
Mulheres Nacionalistas Galegas
NÓS-Unidade Popular
Partido Comunista do Povo Galego

[Post extraído do portal Diario Liberdade]

Eleicións Europeas `2014: "Corazón na Galiza, Futuro na Terra!". OS POVOS DECIDEN

"CORAZÓN NA GALIZA, FUTURO NA TERRA!".

O Partido Comunista do Povo Galego - PCPG - apoia a candidatura internacionalista e patriótica galega BNG, EH BILDU e outras forzas, denominada "Os Povos Deciden" e orgúlhase en formar parte, no noso país, da plataforma social AVANTE GALIZA! que dá o seu apoio á candidatura eleitoral que encabeza a actual eurodeputada do BNG Ana Miranda.

O PCPG expresa a confianza de que estas forzas acaden o éxito nesta difícil batalha eleitoral e Ana Miranda volte a representar ao povo trabalhador galego e a Galiza como nación nese ámbito europeu para melhor defendermos e derrotar os plans reaccionarios, antidemocráticos e antisociais do capital monopolista e financeiro. OS POVOS DECIDEN. Avante Galiza!

12 de Abril en Marín. ACTO-CONFERENCIA: "Capitalismo, crise e soberanía. Umha visión desde Andalucía"



Acto: Conferencia: “Capitalismo, crise e soberanía. Unha visión desde Andalucía”

Día: 12 de abril Hora: 18H Lugar: Biblioteca de Marín



Organiza: Colectivo Nacionalista de Marín - PCPG (Partido Comunista do Povo Galego)-MGS (Movemento Galego ao Socialismo)

O próximo sábado 12 de abril o Colectivo Nacionalista de Marín, o Movemento Galego ao Socialismo e o Partido Comunista do Povo Galego organizamos un acto público co título “Capitalismo, Crise e Soberanía. Unha visión desde Andalucía“, que contará coa presenza de Antonio Torres, membro da dirección nacional do Sindicato Andaluz de Trabajadores (SAT) e Secretario Xeral de Andalucía Comunista. Será na Biblioteca municipal de Marín ás 18h.

Este acto pretende dar a coñecer, comparar e pór en común a experiencia de dúas realidades nacionais distintas. Desde unha perspectiva anticapitalista e soberanista, Antonio Torres falará da realidade de Andalucía e o seu papel dentro do estado español, a situación de crise económica imposta polo gran capital ao conxunto dos pobos do estado e a visión andaluza da cuestión nacional.

Estamos padecendo un retroceso en dereitos e liberdades coa escusa dunha crise económica que non provocaron os pobos. Estanse desviando miles de millóns de euros de fondos públicos para encher os petos dos bancos. Cartos que saen dos recortes salariais e do aumento de impostos indirectos, como o IVE e taxas, que repercuten máis nos que menos teñen e benefician aos que xa son ricos. Desde o estado aproveitan esta situación dándolle un pulo ao proceso de centralización, baleirando as xa pequenas competencias das CCAA, poñendo ao descuberto que o modelo autonómico do “café para todos” está esgotado, o modelo do estado español está esgotado, e evidenciando que Galiza e o resto das nacións deben avanzar no proceso de soberanía nacional para resolver os seus problemas.

Andalucía conta hoxe cun 40% da poboación no umbral da pobreza e hai 600.000 andaluces sen ningún tipo de cobertura social. Segundo a Universidade de Cádiz, no seu estudo “Desigualdade e Pobreza”, entre 2006 e 2010 a renda media do 10% dos andaluces máis ricos aumentou un 17%, mentres para o 10% dos máis pobres diminuíu un 40%.

Estes datos serven para facérmonos unha idea da realidade de Andalucía, unha realidade de latifundistas e xornaleiros sen terras, de ocupación de terras para poder traballar, da loita do SAT para superar esta realidade. Un sindicato criminalizado por estar do lado do pobo andaluz mentres a corrupción, a financiación ilegal, as comisións ilegais e o despilfarro de cartos públicos dorme en instrucións xudiciais eternas para non castigar os culpábeis.

Esta situación vai acompañada, como na Galiza e no resto do estado, da implementación dunha política de recortes sociais, educación ou sanidade desde un goberno de coalición PSOE-IU denominado “progresista”.

"RUPTURA COA UNIÓN EUROPEA. Pola soberanía, o futuro e a democracia". Venres (6ª) 31 de xaneiro ás 8 da tarde en Marín



As organizacións Colectivo Nacionalista de Marín, Movemento Galego ao Socialismo e o Partido Comunista do Povo Galego queremos aportar unha visión distinta ao debate sobre o que representa e como nós afecta pertencer á Unión Europea. Un asunto que neste ano 2014 vai estar de permanente actualidade, pois no mes de Maio vanse celebrar eleccións ao parlamento europeo. Con tal motivo, o próximo 31 de Xaneiro organizamos un acto público co título "Pola soberanía, o futuro e a democracia. Ruptura coa Unión Europea", coa intervención do xornalista Xosé Emilio Vicente.

Historicamente o soberanismo galego mantivo unha posición contraria á Unión Europea, rexeitando a entrada na daquela Comunidade Económica Europea, xa o nome deixaba en evidencia os intereses que ia defender, opoñéndose ao Tratado de Maastrich no ano 92 e facendo campaña contra o frustrado Tratado para a Constitución Europea no 2005.

Os nosos sectores produtivos fundamentais, agro, pesca e industria foron sacrificados para entrar na UE, deixando a Galiza como subministradora de materias primas e man de obra barata. En Marín sabemos ben o que é padecer as políticas de reconversión pesqueira, desmantelamento e exportación de buques ou expulsión dos caladoiros tradicionais, implementadas pola UE coa complicidade do estado español.

Estamos ante unha institución cun grande déficit democrático, un parlamento cunhas competencias moi limitadas que só serve para lexitimar “democraticamente” a UE mentres a toma de decisións real está en mans dos xefes de goberno dos estados membros que defenden os intereses dos grandes grupos empresariais.

Outro dos aspectos máis negativos da UE foi a unión monetaria e a entrada en funcionamento do euro, que provocou unha perda de poder adquisitivo para a poboación galega e unha cesión das competencias en política monetaria por parte dos estados. Todo isto en beneficio do grande capital e dos países máis fortes da unión, como Alemaña, que toman decisións en función dos seus intereses sen importarlles o futuro dos pobos que sofren estas políticas. Impoñendo “rescates” bancarios a cambio de recortes salariais, de pensións, de dereitos laborais, etc.

Consideramos portanto á Unión Europea unha costrucción capitalista irreconciliábel cos intereses dos pobos e apostamos claramente por unha Galiza soberana fóra da UE. Pretendemos con este acto contribuir a impulsar ese debate urxente no conxunto das organizacóns políticas e sociais do noso país.

Acto unitario (MGS-PCPG e CNM) en Moaña, polo 96º aniversario da Revolución de Outubro

O 8 de Novembro o Partido Comunista do Povo Galego, o Movemento Galego ao Socialismo e o Colectivo Nacionalista de Marín organizamos en Moaña un acto de conmemoración do 96º aniversario da Revolución de Outubro. 

Tras a apresentación do acto por parte de Xosé Collazo, deuse paso a tres poetas da comarca do Morrazo: Xosé Daniel Costas, Lucía Novas e Alba Méndez, con poemas relacionados coa loita e a revolución. A continuación proxectouse un breve documentario realizado polo PCP con ocasión do 90 aniversario da Revolución de Outubro, onde se contextualiza a irrupción da Revolución de Outubro e as súas conquistas. Por último, e en nome das tres organizacións convocantes, José Emílio Vicente realizou a intervención política do acto. 

Poñemos ao voso dispor ese texto:

“Estimados camaradas e amigos, celebramos o nonaxésimo-sexto aniversario da Revolución de Outubro! As organizacións convocantes deste acto (o Colectivo Nacionalista de Marín, o Movemento Galego ao Socialismo e o Partido Comunista do Povo Galego) agradecemos a vosa presenza.
A Revolución de Outubro non é un evento mais nesta longa historia da humanidade pola liberdade. É a primeira revolución socialista na que as traballadoras e traballadores triunfamos e comezamos a construción dun estado propio, no camiño dunha sociedade sen clases.
Atopámonos, moi probabelmente, ante o acontecemento histórico máis falsificado, máis terxiversado que nunca coñeceramos. Negámonos a claudicar ante esta presión, ante a historia escrita e reescrita unha e outra vez polos vencedores, que reflectiu a ideoloxía dominante. A ideoloxía hoxe dominante -que é, como de costume, a das clases dominantes- fálanos do século XX como o da derrota do socialismo. É xa vella a teoría da fin da historia, promulgada por ese tétrico director do Departamento de Estado norte-americano, Francis Fukuyama. Esta teoría afirmaba non só a vitoria do neoliberalismo, senón que a pretendía definitiva e eterna. Mais todos os imperios pretenderon ser eternos ou, como mínimo, moi longos. Un deles, o Terceiro Reich, que pretendía durar mil anos, rematou cunha bandeira comunista no alto do Reichstag, hasteada polos soldados do Exército Vermello.
Para nós, a loita non termina coa queda da Unión Soviética. Ao contrario, preferimos reparar no seu carácter inaugural, nas moitas portas, nas moitas alamedas que abriu para que pasemos os homes e as mulleres libres.
 Camiños abertos
En primeiro lugar, a grande revolución triunfa. Alá onde todas as intentonas dos pobos fracasaran, de Espartaco até a Comuna de París, Outubro triunfa, no lugar mais inesperado, nun país asolado polo belicismo do imperialismo, no seo dun pobo barbaramente castigado pola miseria, a fame, a explotación e o analfabetismo. Demostraba que non era certa esa falacia reaccionaria coa que nos teríamos que conformar, “sempre houbo pobres e sempre haberá”, poñía en cuestión que o capitalismo fose o estado natural e inmutábel da humanidade.
En segundo lugar, este proxecto define a construción dunha sociedade diferente. Os que sempre foran afastados do poder pasan a detentalo. Modifícanse as relacións de produción. Comeza a loita por superar a miseria nun país com atrasos colosais, que apenas abandonara a servidume hai unha xeración; revoluciónase a cultura, coa educación e alfabetización acelerada de millons de persoas; desenvólvense as ciencias e as artes, con logros xigantescos.
En terceiro lugar, definía un inmenso reto ao capitalismo mundial, ao que pon contra as cordas no maior desafío que enfrontou na sua historia. Outubro inspiraba, con certeza, pavor. O socialismo non era xa unha utopía que se perseguía a sangue e fogo, senón unha alternativa real, que comezaba a ser construida grazas á acumulación de inmensas forzas, e que só foi interrompida por unha contraofensiva xigantesca que comezou desde o primeiro segundo e nunca se detivo. Apresentábase como primeira etapa dun movemento destinado a extenderse por todo o mundo.
A grande burguesía mesmo recorreu á violencia do fascismo –xa sabemos que un fascista é un burgués asustado- lanzando o planeta para a catástrofe. Foi da URSS, e dos/as comunistas en xeral, a contribución fundamental para derrubar o fascismo, fillo do capitalismo que a comezos dos 40 controlaba toda a Europa continental. En canto tiveron as condicións adecuadas, as potencias capitalistas encetaron unha poderosísima ofensiva en todas as frontes: do fascismo á guerra económica e á chantaxe nuclear, a guerra fría cultural, a espionaxe, ou mesmo a utilización instrumental de forzas presuntamente de esquerdas, todo foi utilizado para atacar a revolución.
Ademais, Outubro serviu para estimular as loitas de liberación nacional en todos os continentes. Ampliou os limites da cuestión nacional, transformándoa en cuestión xeral da libertación dos pobos das colonias, a partir do recoñecemento do direito de autodeterminación e da énfase do papel revolucionario das nacións dominadas. Aínda a día de hoxe, inspira os movimentos socialistas e de liberación nacional que se desenvolven en todos os continentes, nomeadamente o da Cuba socialista que aínda resiste.
Foi tamén un momento de singular avanzo nos dereitos da muller, que non foi regalado de arriba a abaixo, senón decorrente do papel protagonista da muller na revolución, tamén nas barricadas e nas asembleas. O socialismo sería, e é, imposíbel, sen a participación das mulleres na vida pública e política, sen as arrancar do embrutecedor patriarcado que as confinaba ao goberno da cociña e a xestión da casa. Os avanzos nos primeiros anos da URSS foran superiores en relación ao dos países capitalistas: o recoñecemento da igualdade absoluta, o direito ao voto e a ser eleita, direito a aborto, a supresión do casamento relixioso, un novo modelo de ensino coeducaivo, as infraestruturas sociais, a participación de revolucionarias como Alexandra Kollontai no goberno, e en definitiva o comezo dun proceso de plena emancipación das mulleres.
Paradoxalmente, é hoxe, cando vivimos nun tempo de signo contrario, cando podemos percibir mesmo con maior clareza a profunda ruptura que representaba a Revolución de Outubro. Atopámonos no curso dunha brutal ofensiva contra todos os nosos direitos: os económicos, mais tamén os políticos, sociais, educativos e culturais. Direitos que foran conseguidos en grande medida pola Revolución de Outubro, polo impulso que deu ao movimento operario de todo o mundo e polo profundo temor que inspirou a posibilidade da derrota á burguesía, que construiu un pacto e un Estado social mentres lle interesaba, recelosa de novas revolucións.
O socialismo é a alternativa
Para quen, como nós, persiste na loita polo socialismo, a Revolución de Outubro non pode ser un fósil, unha peza de museo que nos fala dun pasado perdido. Debe ser un instrumento útil para aprender e construír o noso propio proxecto de desenvolvemento económico e social ao servizo das necesidades humanas. A pesar do tempo transcorrido, Outubro sitúase para nós no centro da batalla ideolóxica, e aínda será máis importante nos anos que virán, cando sairán a luz os principios universais desta data.
Podemos extraer varias leccións. En primeiro lugar, temos de comprender que Outubro non se pechou coa queda da URSS. Abriu unha nova era histórica, a da pasaxe do capitalismo e do imperialismo para a socialismo, que terá que afrontar avanzos e retrocesos como os do actual momento. Non hai un avanzo lineal, ininterrompido e ausente de conflitos. Mais non hai outra alternativa para as traballadoras e traballadores, e debemos tomarnos moi seriamente a consigna “socialismo ou barbarie”. O capitalismo non pode vivir sen revolucionar incesantemente os medios de produción, e pode adaptarse a novos paradigmas. Mais non pode resolver a súa contradición inherente, a súa natureza baseada na explotación e na guerra.
En segundo lugar, temos que reparar na necesidade de contar coas nosas organizacións propias, revolucionarias e de clase, e acumular forzas suficientes, sen desistir nos momentos mais duros. Como dicía, Rosa Luxemburgo, a revolución é a única forma de guerra en que a vitoria final é preparada através das derrotas previas. O deber dos revolucionarios é facer a revolución.
Outra lección importante é a necesidade de contarmos cun programa proprio adaptado ao noso contexto e momento histórico, con tarefas inmediatas equivalentes á de “pan, paz e terra”. Algunhas leituras dogmáticas afirmaban que sería imposíbel construír o socialismo nun país atrasado, que era imprescindíbel queimar antes etapas históricas. Tamén a nós nos din moitas veces que é imposíbel un estado galego independente, que debemos aguardar por outras circunstancias externas. Tentaremos demostrar que se equivocan, utilizando a nosa forza non só para tocar, senón para “tomar os céus por asalto”.
Sabemos, en definitiva, porque é tan odiada esta revolución: porque continúa a marcar camiños. Continúa a dicir que é posíbel un mundo de xustiza, benestar, liberdade e democracia, mais só desde a emancipación social e o poder das traballadoras e traballadores, só desde a vitoria da causa universal da nosa clase.
Inspirados por Outubro, asumimos a nosa identidade e defendemos perante o pobo galego o noso proxecto de liberación nacional e sociedade socialista. O capitalismo non é a fin da historia: construiremos a forza capaz de varrer o vello e crear o novo.
Fotos e crónica (web do Movemento Galego ao Socialismo):

Día 23 de Xulho en Marín: SOBERANÍA NACIONAL CONTRA A OPRESIÓN DO CAPITAL

O vindeiro 23 de xullo o Colectivo Nacionalista de Marín e o PC do Povo Galego organizamos un acto titulado "SOBERANÍA NACIONAL CONTRA A OPRESIÓN DO CAPITAL. A loita de Liberación Nacional en Catalunya, Euskal Herría, Andalucía e Galiza" no que intervirán representantes de Euskal Herria, Andalucia, Galiza e Catalunya. O acto será na biblioteca de Marín a partir das 20:30h